O seguinte panel alude á Viticultura, que é a arte e a ciencia de cultivar a vide. Con todo, cultivar a vide en Galicia pode resultar especialmente laborioso debido a algúns factores como son a orografía irregular que presenta a comunidade, comunidade chea de vales e montañas que obriga a levantar muros de contención ou a desviar augas e a facer canalizacións; ou o minifundismo (é dicir, a división do territorio en pequenas parcelas).
O terceiro factor con incidencia nos labores de campo vén dado pola humidade tan alta que existe, consecuencia das abundantes precipitacións anuais que se recollen e que provocan gran parte das enfermidades antes descritas.
Todos estes factores determinan a elección dos sistemas de plantación utilizados na comarca e expostos nas maquetas. Fronte ao sistema de plantación tradicional ou en vaso, onde os labores se realizan practicamente a rentes do chan, na comarca do Condado do Tea optamos polo sistema de condución en espaldera e o emparrado. Ambos permiten unha maior aireación e ventilación das plantas e unha maior insolación para a favorable maduración da uva.