Xusto á beira, recóllense as diferentes enfermidades da uva na comarca do Condado do Tea. Cada unha das enfermidades sinaladas represéntase de forma diferente tanto en folla como en acio e ten que ser detectada canto antes polo viticultor para evitar o avance e a consecuente extinción da planta.
Historicamente, a Philoxera foi a praga máis devastadora do mundo do viñedo, e vai condicionar desde a súa entrada en Europa- contorna ao ano 1870-, o sistema de plantación dos viñedos actual.
Este insecto, similar a un pulgón de cor amarelada, chamado “philoxera” aliméntase dos nutrientes que atopa na raíz da vide. Pica as raíces ata que produce unha especie de tumor ou nó que impide o paso do zume que acaba matando a planta ao cabo duns 3 anos.
A introdución desta praga en Europa, ten lugar en Francia, procedente de América do Norte. En Galicia irrompe por primeira vez en 1882 no municipio ourensán de Vilardevós.
Aínda que hoxe en día esta enfermidade segue latente baixo terra pódese superar se se recorre aos portainxertos de orixe americana, que son os que van directamente plantados no chan. Sobre el, enxertaremos a variedade de uva que nós queiramos obter. Por tanto, o enxerto das cepas europeas realízase sempre en pés de vides americanas.
Nas seguintes pantallas recóllese información acerca das diferentes variedades de uva recoñecidas e autorizadas pola D.O. Rías Baixas, sendo a variedade de uva branca “albariña” a que mellor se adapta ao noso clima e o noso chan e a que representa en Galicia o 96% da produción.
A segunda variedade branca principal na comunidade galega é a “treixadura”, que xunto coa variedade albariña é obrigatoria nos viños con etiqueta D.O. “Rías Baixas Condado do Tea” nun 70%. O 30% restante é opcional, podendo engadir ou non, outra das variedades brancas admitidas.