Ir o contido principal

A vinificación actual. As adegas industriais.

Arquivo de audio

Seguindo o noso percorrido entramos agora na parte da exposición dedicada ás adegas industriais. Estas teñen que cumprir principalmente un parámetro esencial: a limpeza.

O viño é un produto vivo que absorbe con facilidade aromas e sabores que non lle corresponden. É por iso que hoxe en día na produción de viño utilízase principalmente o aceiro inoxidable. Tanto as cubas de fermentación como os tanques de almacenamento son deste material aséptico e de fácil limpeza.

É por iso, que gran parte dos expositores desta zona do museo se asemellan aos tanques de aceiro dunha adega industrial.

A continuación, atopámonos cun sistema de estatísticas, a través de diagramas de barras que nos mostran a información correspondente á produción de quilos de uvas vinificadas e de litros de viño nos últimos anos para a nosa zona, o Condado do Tea.

Na seguinte vitrina temos representadas adegas da subzona do Condado de Tea a que están na D.O. Rías Baixas.

Se nos viramos poderemos ver un mapa onde se mostran os concellos e as parroquias pertencentes á rexión de “Condado do Tea” da Denominación de Orixe Rías Baixas. Neste expositor tamén podemos ampliar información de cada unha das 40 adegas que na nosa zona están dentro da anteriormente citada D.O. Información concernente ao Concello onde se sitúa, as marcas que elabora ou unha breve descrición dos seus viños e viñedos.

A seguir, atopámonos cunha serie de pantallas onde se nos mostra un vídeo con consellos prácticos de como e con que hai que degustar os nosos viños albariños e Condado do tea ou a que temperatura temos que conservalos e servilos para poder gozar mellor de todos os seus matices organolépticos.