Á beira do pozo de Dona Urraca, atopámonos cos diferentes procesos de elaboración do viño espumoso. Dende o ano 2009, está permitida a elaboración de viños espumosos na nosa denominación de orixe. Este viño segue o mesmo proceso de elaboración que un cava ou unha champaña, obténdose produtos de moi boa calidade e con gran aceptación no mercado.
O viño espumoso é un viño que fai un dobre proceso de fermentación. É dicir, a un viño tranquilo xa fermentado e cun nivel alto de acidez, engadímoslle fermentos e azucre para que volva fermentar producindo nesta segunda fase de fermentación, as coñecidas burbullas do Espumoso que quedan atrapadas dentro da botella.
Nunha estrutura de madeira chamada “pupitre” vemos como descansan ducias de botellas de espumosos durante a fase de segunda fermentación.
Dirixímonos agora a unha sala circular dedicada aos nosos viños espumosos. Esta magnífica estancia é coñecida como “O vestidor da Raíña” e nas súas vitrinas podemos atopar exemplares das marcas que elaboran viño espumoso na D.Ou. Rías Baixas. Marcas que nos visitan na festa dedicada a este produto que se celebra cada ano, aquí en Salvaterra a primeira fin de semana de decembro. Para ver como é o ambiente da festa, presione sobre o botón que hai baixo a pantalla e reproduciranse unha serie de imaxes, de anteriores edicións da “Festa do viño espumoso D.Ou. Rías Baixas”.
Ademais, nesta sala circular danse unha serie de singularidades que a fan única. En primeiro lugar teriamos o seu pasado, este é o único torreón medieval que se conserva desa época dentro do conxunto fortificado e en segundo lugar, a súa peculiar sonoridade. Tres elementos fan que a voz do visitante se vexa amplificada se falamos desde o centro da estancia. Por unha banda, a cúpula de media laranxa sobre as nosas cabezas actúa como unha gran antena parabólica que redirixe o son cara o punto central. Por outra banda, o grosor dos muros impide que o son se disipe e por último, o granito, que é o material co que está confeccionada a sala, é un material de moi alta densidade que impide que as ondas sonoras penetren na pedra, rebotando e provocando eco. De feito, a esta sala coñécese como a “sala sen segredos” debido a que se falamos en susurros contra unha das súas paredes a persoa que se sitúe no outro lado da estancia poderanos escoitar claramente, xa que as ondas sonoras viaxan a través da cúpula de forma lineal.