Ir o contido principal

O peso do viño en Salvaterra

Arquivo de audio

A continuación, atopámonos cunha preciosa vitrina de cristal e madeira que nos lembra aos mostradores das tendas galegas de ultramarinos, do século pasado. Lugares onde tanto nos servían unha cunca de viño como nos vendían unha máquina de sulfatar. Nela expóñense unha serie de documentos que nos falan sobre as orixes da Festa do Viño do Condado do Tea, por exemplo unha copia da acta da cuarta cata do viño do Condado que se celebrou o 9 de agosto de 1963 ou unha banda utilizada polos membros do xurado encargado de dar os premios. Ademais, tamén se exhiben copias de libros que versan sobre a elaboración de viños ou os diferentes modelos de botellas máis utilizadas pola industria vitivinícola.

Por outra banda, dentro desta vitrina tamén temos o mandil dos confrades da “Confraría do viño do Condado do Tea e Espumosos”. Este mandil de tonelero sitúase debaixo do xuramento do “Gran Capítulo dos viños do Condado do Tea” que se lles fai prometer a cada membro que ingresa nesta orde.

 

O POZO

Chegamos a un dos puntos máis singulares deste castelo e é este pozo que se acha aos nosos pés. Con aproximadamente 15 metros de profundidade e escavado case na súa totalidade en pedra. Este pozo é coñecido por todos os salvaterrenses grazas á famosa lenda que o vincula coa Raíña Dona Urraca, e é que segundo conta a tradición, esta sería a entrada a un pasadizo secreto que cruzaba cara a Portugal por baixo do río Miño e que era utilizado pola raíña leonesa para cruzar a fronteira sen ser vista. Máis aló de lendas, o que os arqueólogos pensan é que en realidade se trataba dun alxibe onde almacenar a auga da choiva para estar provistos do líquido elemento, en caso de sitio ou cerco ao castelo por parte de tropas inimigas.