Chegamos agora ao proceso de embotellado e encorchado.
Sobre o embotellado, pódese dicir que aínda non existe a día de hoxe un método para transportar e conservar os nosos viños, mellor que a botella de cristal. Este é un material aséptico e non achega ningún aroma ou sabor estraño ao viño. E para selar esa botella teriamos a cortiza. Segundo se conta, foi o monxe francés Dom Pierre Perignon o que utilizou por primeira vez este material para selar os seus famosos viños espumosos da Champagne. O monxe benedictino viaxou a Santiago de Compostela en peregrinación e polo camiño coñeceu de primeira man as bondades deste material como método útil para selar as cabazas dos peregrinos.
A cortiza pode ser de diferentes tipos: natural, alcomatado ou sintético. Este último xorde ante a necesidade de evitar “a enfermidade da cortiza” ou tricloroanisol, mal que afecta ata un 4% do viño embotellado do mundo e que fai que o viño adquira aromas e sabor a cartón mollado. Por iso é importante non descualificar unha marca porque a cortiza dunha botella estea en mal estado, xa que este é o único elemento que unha adega non pode controlar. Incluso algunha gran adega do noso país tivo que retirar anadas enteiras porque as súas cortizas estaban en mal estado.
A utilización da cortiza natural para o envasado do viño permite ademais a microosixenación do viño e que este siga evolucionando dentro da botella.
A continuación, falaremos sobre o encapsulado. A cápsula é o elemento que vai precintar as botellas e ademais a protexer a cortiza de calquera elemento externo que poida degradalo.
Por último, só queda etiquetar, que é o último proceso que leva a cabo unha adega antes de poñer un dos seus viños no mercado. O que obrigatoriamente debe conter unha etiqueta da nosa Denominación de Orixe son datos como: ano de colleita, variedades, nome do embotellador, grao alcólico ou información sobre alérxenos.
E aquí rematamos a visita ao Museo da Ciencia do Viño do Condado do Tea. Esperamos que gozasen da experiencia de coñecer as reviravoltas dun dos mellores viños do noso país.