Ir o contido principal

A adega tradicional

Arquivo de audio

Descendemos agora á planta inferior cuxa principal finalidade é recrear dous ámbitos claramente diferenciados, a adega tradicional e a adega industrial. Do mesmo xeito que nos antigos castelos e mosteiros, este era o lugar destinado para a elaboración e conservación do viño. As grosas paredes de pedra conservan unha temperatura constante durante todo o ano, algo fundamental para manter a excelente calidade dos nosos viños.

Achegámonos agora nos recunchos dunha adega tradicional.

Despois de que os vendimadores cultiven as uvas, precisamos trasladalas ata a adega. Tradicionalmente, isto facíase en cestas de tiras de castiñeiro transportadas en carros tirados por vacas ou bois. As cestas diferían en tamaño e forma dependendo da zona de Galicia onde se atopase o viñedo. Aquí temos expostas dúas cestas de pequeno tamaño que son as propias da nosa zona, o Condado e unha cesta de maior tamaño, o chamado “Cesto Culeiro”.  O “Culeiro” é o cesto que se utilizaba no norte da provincia de Pontevedra, o Ribeiro e na Ribeira Sacra e que podía albergar ata 45 quilos de uvas. O “carrexón”, que era a persoa que realizaba o transporte, levaba o “culeiro” sobre o “moído” que é unha trenza de palla acabada en dous paus de madeira e que se colocaba na fronte a modo de diadema, polo que a forza era exercida pola testuz da persoa.

O esforzo que supoñía trasladar as uvas desta forma, xunto á orografía da paisaxe vitivinícola da Ribeira Sacra, onde os viñedos están en inclinadas ladeiras á beira dos ríos Miño e Sil, fan que se coñeza á súa tradición enolóxica como “a viticultura heroica”.

A continuación, podemos ver unha curiosa vitrina onde se gardan diferentes aveños que se utilizaban e aínda se utilizan nas adegas tradicionais como son, por exemplo: as griferías antigas, unha lavadora de botellas manual, chazos e un macetón que serven para recolocar os aneis metálicos que suxeitan os toneles, o “piezá” que é un cepillo para retirar as impurezas de entre dóialas de madeira e o “cabazo” peza da que falaremos a continuación.

Á beira da vitrina e debaixo dunha impoñente “lareira” de pedra podemos ver unha representación de como sería o momento da venda do viño de anadas anteriores. Este viño gardaríase en barricas de madeira á espera de que chegase o comprador adecuado.

A medida utilizada para os líquidos no sur de Galicia e neste caso para todas as transaccións relacionadas coa compra-venda de viño era o “cabazo”. Esta medida fai referencia ao recipiente de lata utilizado e que varía dependendo do lugar onde nos atopemos. Aquí, por exemplo, en Salvaterra leva 15 litros, pero se nos movemos á localidade veciña das Neves levaría 16, ou a Redondela, onde levaría 20 litros.

Para evitar trampas nas transaccións, todos os “cabazos” tiñan que estar contrastados polas autoridades. Isto facíase mediante o gravado dun número de rexistro na parte exterior do recipiente e da soldadura de dúas marcas metálicas no interior. A finalidade destas era sinalar a medida exacta do “cabazo” para ese territorio.

Cada cabazo que se vendía sinalábase cunha marca de xiz na barrica e era común que, ao chegar aos 11 recipientes vendidos, o produtor lle regalara ao comprador a chamada “ola”, que é a diferenza entre as marcas metálicas e a boca do cabazo.

Era habitual que os produtores tentasen facer trampas, desoldando as marcas metálicas e soldándoas un pouquiño máis abaixo, gañándolle así menos dun cuarto de litro a cada cabazo. Polo que moitos compradores levaban consigo o seu propio recipiente á hora de ir comprar viño. Exemplo disto último é o exemplar máis grande que temos á esquerda da barrica.

Na parte central desta primeira sección tamén podemos ver diferentes útiles tradicionais como griferías, máquinas de sulfatar, garrafóns e “cabazas”, que servían para transportar o sulfato xa preparado ata o viñedo.